Este proxecto analiza o papel das diferentes iniciativas editoriais que se desenvolveron na Galicia durante a etapa da ditadura franquista, así como a súa relevancia na recuperación e posta en valor da cultura galega durante esa etapa.

Para isto, levouse a cabo a recompilación completa da produción editorial galega entre 1939-1975: editoriais, lugares de edición, temas (títulos, autores, xéneros...). A partir destes materiais pretendemos realizar a caracterización e a análise dos diferentes proxectos editoriais (editores, imprentas, liña editorial, características específicas, tiraxes, vinculacións con outros proxectos...), así como estudarmos os protagonistas e os seus debates ideolóxicos (biografías, epistolarios, entrevistas...).

O noso obxectivo final é difundir o traballo realizado por estas editoriais  e os resultados da nosa investigación a través desta páxina web. Un dos resultados máis relevantes do proxecto é a base de datos en rede da produción editorial en galego publicada de 1939 a 1975 na Galiza; en breve, completarase, tamén, con toda a produción editorial en español da mesma etapa.

O proxecto “Produción editorial na Galiza durante a etapa franquista (1939-1975)” nace no seo do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria (ILLA) da Universidade da Coruña, baixo a dirección de Carme Fernández Pérez-Sanjulián como Investigadora principal e coa colaboración doutros integrantes de ILLA: Cilla Lourenzo Modia, Francisco Salinas Portugal e Mª Obdulia Luís Gamallo, así como os profesores Carlos F. Velasco Souto e Luís Martínez-Risco Daviña.

Este traballo realízase ao abeiro do proxecto de investigación: “Produción e mercado editorial en Galiza durante a etapa franquista: a súa incidencia na industria editorial actual” (10SEC104017PR).