Base de datos

Esta Base de Datos recolle a produción editorial en formato de libro publicada na Galiza durante a etapa franquista (1939-1975). Polo momento, nesta base de datos pódese consultar a produción editorial en galego, unha produción que se aproxima aos 800 títulos, mais en breve, poderá consultarse na súa totalidade (uns 3500 títulos en galego e en español).

Nunha primeira fase, e tras un proceso de procura, confronto, eliminación de redundancias e unificación, recompiláronse os fondos procedentes das bibliotecas nodais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Santiago de Compostela. Con estes fondos, creamos unha ampla base de datos en formato MARC 21 á cal se engadiron rexistros procedentes da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela e da Biblioteca Nacional de Madrid.

Tras comprobarmos a ausencia dalgunhas obras significativas, iniciamos unha segunda fase aínda sen concluír: a creación de novos rexistros de títulos a partir da consulta dos arquivos das propias editoriais estudadas e dos catálogos en rede de bibliotecas con fondos históricos. Tamén acudimos a diversas bibliotecas e arquivos privados e tratamos de consultar todo tipo de repertorios, catálogos, libros e revistas, editados dentro e fóra da Galiza que, mesmo de forma parcial, recompilan o material editado neste período.

Somos conscientes de que as bibliotecas non conservan toda a produción editorial de 1939 a 1975, sobre todo aquela anterior á obrigatoriedade do Depósito Legal e, en especial, a que corresponde á “edición de autor”. Por todo isto, esta Base de Datos debe ser considerada como un recurso aínda en proceso de elaboración, que se irá completando progresivamente.

 

Acceder ao